Unidade 6 de 10

Preparación, cociñado e conservación

Desconxelación

Sempre na neveira, nun recipiente que recolla o líquido e na parte baixa da cámara; ou no microondas se se cociña de inmediato. Nunca a temperatura ambiente nin en auga quente. Un alimento desconxelado non se volve conxelar cru.

Cociñado

A calor destrúe a maioría dos microorganismos se chega ao centro do alimento. Como regra, o interior debe alcanzar polo menos 70 °C; en aves e carne picada recoméndase chegar a 75 °C. Un termómetro de sonda é a mellor ferramenta da cociña.

Mantemento e arrefriamento

  • O que se serve quente mantense a 65 °C ou máis (baños maría, mesas quentes).
  • O que se vai gardar en frío arrefríase o máis rápido posible (abatedor, recipientes baixos, baño de auga fría) e refrixérase tapado e etiquetado con data; nunca se deixa arrefriar toda a noite a temperatura ambiente.
  • Requentar unha soa vez e ata polo menos 70 °C; o que sobra tras requentar, bótase.

Casos especiais

  • Ovo e salsas con ovo (maionesas, allioli): en restauración elabóranse con ovoprodutos pasteurizados ou alcanzando 70 °C; consérvanse en frío e consómense en 24 horas.
  • Peixe cru ou pouco cociñado: conxelación previa para previr o anisakis.
  • Aceite de fritura: filtrar, non superar os 180 °C e substituír cando estea escuro, espumoso ou fumegante.
  • Auga e xeo: só auga potable; máquinas de xeo limpas e con pa exclusiva.
  • Verduras e froitas: lavar baixo a billa e, se se consomen crúas en colectividades, desinfectar con produto autorizado.
Orde de traballo: primeiro o limpo e listo para consumir, despois o cru; nunca ao revés sen limpar e desinfectar entre medias.

Volver ao índice do curso

Dúbidas co titorRespondo de 9 a 14 h e, de luns a xoves, de 17:30 a 20 h
Scroll ao inicio